venres, 30 de xuño de 2017

OUTRO TRIMESTRE LECTOR



            Alá vai o curso e alá vai o noso pequeno resumo do que fixemos. Os pequenos de primeiro leron Chamádeme Simbad de Francisco Castro, e si, tivo o mesmo éxito que o curso pasado. Parece que as xuntanzas dos recreos dos mércores deron para bastante. 


  Non están todos os que leron o libro pero si leron todos os que están
             E como len rápido, aínda tiveron tempo de ler Cuentos en verso para niños perversos de Roald Dhal, unha visión moi especial dos contos clásicos con Blana Nieves facendo autostop, Riziños de ouro e devorada por os tres osiños, Caparuchiña faise un abrigo de pel de lobo... Un bo fin de curso. Divertidísimo.
      Para este verán levaron 35 Kilos de esperanza de Ana Gavalda




          Os de segundo e terceiro tamén estiveron a ler, esta vez quedamos os mércores, ás 11:20: El extraordinario ingenio parlante del Profesor Palermo Jordi Sierra i Fabra.



          A nosa idea era facer outra xuntanza cos compañeiros do IES XULIO PRIETO NESPEREIRA, despois do éxito da última xuntanza. E tiñamos todo preparado (xogo, debate...) e no último momento non puido ser. Unha pena. Iso non significa para que non tiveramos a nosa xuntanza final.


 Faltáronnos algúns pola folga de transporte
            Pero o certo é que quedei ALUCINADA con esta xuntanza, a profundidade dalgunhas reflexións, as descricións que fixeron do pequeno extraterrestre Klatuu, para mostra este debuxo de Luísa.
Klaatu en brazos do profesor Palermo e admirado por Gustav
         Os derroteiros por onde foron estes non tan pequenos lectores, que saben falar de realidades diferentes. Foi animado o debate sobre se é mellor unha sociedade con sentimentos ou sen eles. Tanto deu de si que acabei falando de distopías como a de Fahrenheit de Ray Bradbury,  e cal foi a miña sorpresa que quixeron lelo para o verán. Iso que expliquei que xa non era literatura xuvenil, que ía ser máis difícil. Deu igual. Que orgullosa estou deste grupo. 

          E non podían faltar os club de profes que non se conformou cunha cea, o 20 de maio, na que se falou de  Instrucións para tomar café de Manuel Núñez Singala e La séptima función del lenguaje de Lauren Binet. 

           Pero antes de ir de cea foron o teatro. O Centro Dramático Galego, baixo a dirección de Marta Pazos fixo a primeira adaptación ao galego de Martes de Carnaval de Valle Inclán . Que levantou verdadeiras paixóns: sorprendente, innovador, chamativo...fíxose curto.
          E da conversa posterior sobre  a montaxe e o texto en si, saiu a seguinte lectura Un conto gallego de Rosalía de Castro. Tratábase de buscar similitudes con A filla do capitán. E ter unha disculpa para outra comida, antes de marchar, onde pechar  tamén definitivamente as lecturas para verán. O conto foi moi discutido, algúns  non tiñamos moi claro a autoría do mesmo, incluso houbo moi diversas interpretacións do sentido. E para rematar as lecturas do verán: Patria de Aramburu e O Anxo Negro de Manual Gago. E como optativos Bibliópatas e fobólogos de Emma Pedreira e Ostracia de Teresa Moure. Así de tolos estaaamoooos. 
Non temos foto dos comensales pero si da estupenda sobremesa


martes, 20 de xuño de 2017

LOS BOOKTUBERS DEL CLUB Y ROBINSON CRUSOE

Lo que empezó como un simple trabajo de una lectura, no sabemos cómo puede terminar. Aquí os presento el primer vídeo de LOS YOUTUBEIROS DO CLUB. Y el curso que viene os sorprenderán. A mí ya me han sorprendido con su lectura de ROBINSON CRUSOE

xoves, 1 de xuño de 2017

REFLEXIÓN

O certo é que este ano o club está a funcionar dun xeito máis silencioso pero non significa que non esteamos a ler. Unha pena que non teñamos máis tempo para organizar actividades para todo o centro, como faciamos outros cursos.
Porén  estou satisfeita co chisquiño que aportamos os que tiramos deste carro. Un carro cargado de ilusións e libros pero tamén de moito traballo que, as veces, non nos deixa adicarnos como quixeramos a asuntos como estes do club ( ao fin e ao cabo son como quen di os "adornos" dos nosos sistemas educativos que piden contidos, procedementos, estándares e burocracias). Hai moita xente que nalgún momento botou unha man, foi profe axudante, alumno colaborador. Non podo máis que agradecer a todos aqueles que fixeron ou fan pola súa conta algo por este club,  ou a aqueles que foron voluntarios nalgunha das múltiples actividades lectoras do centro.  Xa levamos unha grande andadura e sempre atopei alguén, sempre, que me deu folgos cando estiven a piques de "pechar o chiringo". Cando estou cansa, superada ou simplemente farta dun sistema educativo que non ten en conta a xente que intenta impregnar de ilusión o seu traballo. "Tirar a toalla, dar a miña clase e saír correndo", penso a principios de curso. E logo, polo corredor acósame un neniño que non me coñece de nada e me pregunta se eu son "a dos libros" e que cando empezamos, e brillan os seus ollos que me descolocan. Ou unha profe dunha materia científica que ofrece os seus recreos para ler cos rapaces, ou alguén novo que quere axudar e que conta todo o que  fixo noutros centros. E brillan os seus ollos.  A verdade que na época do desánimo educativo (porque non sei se é que eu xa o levo dentro, ou é que está no meu centro) cando vexo "caer no campo de batalla" a compañeiros que parecen perder a ilusión e empezan a automatizarse, a non querer sentir, nin compartir,  eu sigo agarrándome aos libros como unha taboa de salvación. Aos libros  e as xuntanzas con outros centros, e a comer pizza nun aula falando dun libro, e as ceas de profes que tanto gozamos. E máis que nada agárrome  aos ollos dun único neno que queira LER. 
Por iso, estou satisfeita do noso pequeno traballo do anterior trimestre, e do pasado e deste (nuns días subirei un resumo). Estou cansa pero contenta de conseguir casi pechar un curso máis, aínda que non sexa con grandes adornos e foguetes, seguir esta pequena corrente lectora. 
Son malos tempos non só para a lírica, pero hoxe non teño ganas de tirar a toalla, aínda que con pouca forza, AQUÍ ESTAMOS.
E mañá... xa se verá.

sábado, 1 de abril de 2017

ALÁ VAI OUTRO TRIMESTRE TOLO

Está claro que é necesario que alguén tome as rendas  deste blog porque non me dá o tempo para poder contar as actividades que facemos. 
Este é un pequeno resumo do noso vivir a lectura neste trimestre:
Como xa diciamos noutra entrada, estivemos a preparar as tertulias literarias que este instituto comparte con outros institutos da provincia. o grupo de alumnos de 4º ESO e 1º de bacharelato, leron As horas roubadas, da escritora María Solar. O grupo de cuarto de ESO e primeiro de bacharelato prepararon a súa tertulia en reunións na biblioteca os luns despois de xantar. Falamos moito do amor en distintas etapas da vida, dos malos tratos, da violencia de xénero, das aparencias...Todo situado nese inicio da democracia que eles xa perciben como parte da historia e non como realidade. Certamente, encántanme estas xuntanzas, porque creo que é onde mellor podo chegar a coñecer aos meus alumnos e alumnas... a lectura, sempre a lectura que rompe muros e acerca xeracións. 


O 1 de febreiro no salón nobre do Liceo de Ourense tiveron unha xuntanza coa escritora que ofreceu unha visión sobre a experiencia de escribir e aclarounos canto quixemos sobre As horas roubadas.


Ao día seguinte e debido ao gran número de participantes, dividimos os tertulianos en dúas salas. O noso instituto estivo con alumnado do IES Universidad Laboral, o IES As Lagoas e parte dos que viñan do IES Xulio Prieto Nespereira. 

  A tertulia estivo moi animada

E seguindo con XUNTANZAS, os nosos pequenos do club, de 1º de ESO,  foron xantar e a falar de libros cos rapaces do IES Xulio Prieto Nespereira. Tendo en conta o éxito acadado o curso pasado, decidimos repetir libro, Heka, un viaje mágico a Egipto. Pilar leva de marabilla este grupo de novos rapaces que se xuntan todos os mércores no segundo recreo.
                                                            Pizzas e xogos compartidos 
           
E premios de postre

Creo que quedaron con ganas de máis. Así que xa pensando como volver xuntar  rapaces e libros. 
E como este grupo é moi activo, xa están a ler o seguinte libro  Chamádeme Simbad de Francisco Castro con Pilar.
                                                        
                                    Só espero que teña o mesmo éxito que tivo o curso pasado

 Tamén o grupo de 2º e 3º seguiron lendo este trimestre. Tiñan ganas da segunda parte do que xa leran o curso anterior (Nunca seré tu héroe), así que tocou Héroe a mi pesar de María Menéndez Ponte. Tivemos algunhas xuntanzas os venres no segundo recreo, nas que cando aparecían uns non aparecían os outros, polo que de novo non quedou outro remedio que facer un almorzo un mércores a principios de marzo,  na hora de titoría. O libro non tivo tanto éxito como o anterior, pero si que sacaron moito do que falar: amores, estudos, relacións pais-fillos, medos, nazismo...  


                             Agora xa están esperando o seguinte libro, que vai para a Semana Santa. 


O caso é que tamén meteuse polo medio o día mundial da poesía, o 21 de marzo e tanto os grupo de segundo e terceiro, como o grupo de primeiro deixaron aparcada a vergonza. 
Os nosos alumnos de 2º e 3º escolleron poesías nun par de xuntanzas e despois,  os nosos escribas e pintores  fixeron "anuncios" para encher o aparcadoiro do Paco Paz e das inmediacións, os bares do entorno e o supermercado Día que temos ao lado. A verdade que hai que hai que ser todo un heroe para saír no recreo diante de todo o centro a poñer papeis nos coches. Pode que ler faga a xente doutra pasta.
  

                                      
                                   
A modo de anécdota, pola noite chegoume unha mensaxe dunha compañeira doutro centro que levara unha alegría inmensa ao atopar no seu parabrisas un poema e non unha nota por estar mal aparcada ou unha multa. Foi a constancia de que alegramos o día a alguén.
O grupo de primeiro tamén animouse a facer unha actividade, e buscaron poemas para compartir cos compañeiros do centro. A idea era regalar versos para que logo os subiran ás súas redes sociais. Así traballaron.

E así foi o resultado final

E como non podía ser menos, rematamos o trimestre coa cea de profes o día 31 de marzo. Mermadas as nosas liñas por viaxes e cansanzo trimestral, aínda así foi unha cea más que estupenda. Falamos dos libros que lidos Intemperie de Jesús Carrasco, que non deixou indiferente a ninguén.  En xeral, sorprendeu e gustou moito pero tamén houbo quen non foi capaz de rematalo. Para que vos fagades unha idea, neste  blog  podedes ler algunhas das ideas que tamén saltaron na cea. E tamén posturas contrapostas sobre Izan o da saca de Xabier Quiroga, hai a quen lle apasionou esta novela de misterio que conta o paso dos nazis pola nosa terra e a quen lle pareceu longa de máis e as veces rebuscada. 

                                            Eu quedo con ganas de facer o roteiro literario da novela.
                                         

                                           Houbo quen levou o cómic, adaptación de Javi Rey da obra

Esta cea levabamos outros deberes, un poema ou poemario dalgún autor que estivera de aniversario. E así tivemos o postre con versos de Dylan Thomas co que saíu a vea existencial. Con Gloria Fuertes, con poemas tan diferentes aos coñecidos infantís, un poemario onde podes atopar uns versos realmente íntimos, xunto con outros grotescos, tristes ou tremendamente alegres. E tamén houbo sitio para Miguel Hernández e un pequeniño libro aparentemente infantil moi ben editado. 

  
Unha cea realmente agradable aínda con ausencias que esperamos non falten o 19 de maio, con sesión teatral no Teatro Principal para ver a  estrea en galego de  As galas do defunto Valle Inclán a mans  do Centro Dramático Galego e logo cea para falar de Instruccións para tomar café de Manuel Núñez Singala e La séptima función del lenguaje de Lauren Binet (é para asegurarnos que Paloma vai vir co libro lido, ;))

venres, 23 de decembro de 2016

Un trimestre moi movido

Non tiñamos moito tempo para estar ao día co noso blog, porén estivemos tan activos coma sempre. Para mostra este pequeno resumo con algunhas fotos de algunhas das actividades que fixemos:

O grupo de 2º e 3º, que non deixou de ler en verán,  comezou con Maldita adolescente de María Menéndez Ponte.

Tivemos un par de almorzos porque unha sesión non chegou. E aínda pedían unha máis.  Este grupo é verdadeiramente lector.

O grupo de primeiro de ESO coñeceu as nosas sesións de terror por Samaín. Unha sesión terrorífica cunha audición de Poe. Algún non era quen de concentrarse esperando un susto detrás das cortinas. Agora os de segundo reclaman a súa sesión,  aínda que xa non sexa a data indicada. Estamos pensando nunha sesión especial para o día dos namorados.
Estes grupo dos pequenos do instituto tamén é moi activo. Leron con Pilar, a profe de francés,  o libro de  BOM de Mark Haddon. Todos os mércores no segundo recreo alá estaban na biblio.  Non temos fotos das sesións o que si temos é unha das súas sesións paralizadas.
video


Nesta montaxe, feita por Pablo García (2º ESO), tamén podedes ver  ao grupo de 2º e 3º co libro
O faro escuro de María López Sandez.  Deste libro non só tivemos sesións no insti, tamén fixemos unha estupenda xuntanza cos nosos compañeiros de IES XULIO PRIETO NESPEREIRA. Un almorzo divertido, con xogos , amigo invisible, debate.
       Serás quen de facer grupos de personaxes de O faro escuro
Os grupos funcionaron moi ben por ser dos dous centros.




Amigos invisibles de libros e tarxetas 


Unha xornada estupenda. A pizza inspirou o debate: "Fixo ben Carolina deixando ao rapaz? é bo o malo o fareiro? Xa estamos a escoller o libro para a próxima xuntanza. 

Os rapaces de 4º e 1º de bacharelato deixaron a súa lectura para este Nadal. Así que teremos que facer unha xuntanza en xaneiro de As horas roubadas de María Solar.



E non podía faltar a segunda cea de profes, aínda que con algunhas baixas por datas, gripes e demais. O sol do verán de Casares tivo os seus admiradores e os seus detractores. 

O noso  amigo invisible foi realmente variado
Para primeiros de febreiro temos Al Faro de V. Woolf e Izan o da saca de Xabier Quiroga.


E para rematar o ano, o 22 de decembro, fomos ao teatro uns poucos profes do club e os rapaces de 2º de bacharelato

      
A montaxe de El público de Lorca a mans do Teatro de la Abadía non deixou a ninguén indiferente.
Gustaríame que os meus alumnos comentaran que sentiron, que lles pareceu... Encantados sei que saíron e tamén polas fotos finais...
É lóxico que co guapos e guapas que son, Martiño Rivas quixera facerse unha foto con eles 
Sonreíde neniñas, pero sinto contarvos que ten algo que ver con Irene Escolar, que bordou a súa actuación como  Julieta na obra. 


E así chegamos a rematar un ano máis, pero ISTO NON É TODO, AMIGOS. Pronto volveremos que aínda temos moitos proxectos no forno.
Felices vacacións e moi felices lecturas. 


domingo, 4 de decembro de 2016

Música, cine, literatura... e a polémica do Nobel.

Como xa sabedes que non son moito de wassaps, aproveito os deberes do club de profes para abrir unha entrada.
A min o Nobel a Dylan non me importa moito, a verdade. As letras de cancións son parte da poesía de toda a vida, e o meu nivel de inglés non me chega para valorar nin as de Dylan nin as de ninguén. Tampouco teño moi clara a relación entre premios e calidade, nin nesta ocasión nin en moitas outras, así que non entendo moi ben a que ben tanta polémica.

Total, que me puxen a facer os deberes e coa terceira canción que soou no Spotify cando puxen a Bob Dylan xa me decidín. Non podo escoitar esta canción sen que as imaxes iniciais de Watchmen veñan a miña cabeza. De feito, son incapaz de recordar como soaba esta canción antes de que a asociara a estas imaxes e tampouco podo imaxinar as imaxes con outra música. Pero teredes que recoñecer que o conxunto é precioso, non si?

Aproveito para recomendar o resto da peli. Tal vez vos pase como a mín, e a peli vos leve a descubrir a novela gráfica orixinal, Watchmen, unha obra de Alan Moore e Dave Gibbons que pode chegar a ser toda unha descuberta. 

Total, que me vou do tema. En canto aos deberes para o club, aquí vos deixo a letra con tradución da miña escolla. Decidide vós se é ou non é literatura de Nobel. 

xoves, 20 de outubro de 2016

ELENA FERRANTE, BOB DYLAN E DICKER

Hai que recoñecer que a nosa primeira cea do curso foi un tanto caótica...iso que só estabamos oito. Facía moito tempo que non nos viamos e arrancar a falar de libros levou toda a comida...pero logo animouse a cousa. Nótase que ninguén levaba preparado guión previo porque saltabamos dun libro ao outro de maneira anárquica.
Quedoume a sensación de que non afondamos moito en La amiga estupenda de Elena Ferrante. O que menos tempo levou foi o manido tema do pseudónimo: técnica editorial, técnica literaria, respecto á decisión do anonimato... Pasamos rápido por estas cuestións. Tamén demasiado rápido, para min, pola relación entre as dúas mulleres, Lila e Nanú, caracterizada como amizade. Gustaríame ter falado máis do concepto da amizade que se ve na novela, pois non estabamos moi de acordo e quedou no aire. Asociouse co cine do neorrealismo italiano e todas vimos claro ese retrato de Nápoles en branco e negro. Tamén se falou da súa linguaxe, no que eu (sinceramente) non reparei moito. En xeral, paréceme  que gustou pero tampouco entusiasmou, nin foi considerada un referente, unha das voces “máis sólidas de literatura italiana”como se está a dicir nos círculos lectores. Insisto que como reinou un pouco o caos ao mellor non recollo algunha visión. Así que,  xa sabedes, podedes seguir coa charla nos comentarios desta entrada.
Máis por riba pasamos por El libro de los Baltimore de Jöel Dicker, para case todo o grupo trátase dun guión cinematográfico. A rememoración da vida da  familia do escritor protagonista  e o seu “maldito drama”, parecendo excesivo esa continuada alusión  e un acerto saber plasmar as  diferentes emocións e visións  que se poden  ter unha mesma realidade . É certo que non é de difícil lectura aínda que poderíamos esperar que fora de tipo detectivesco como  o de La verdad sobre el caso...este primeiro tivo máis aceptación.  Vamos,  que tivo  defensores e detractores da súa lectura, pero sen moito convencemento.  Eu quedei con este parágrafo do libro : “Los libros son más fuertes que la vida. Son testigos de la muralla inexpugnable de nuestra mente, de la impenetrable belleza de nuestra memoria”

E por último, o café posterior deu para mooooito. Bob Dylan á palestra... ufff.  Podería facer outra entrada. Rir rimos un cacho, con aposta incluída. Non hai acordo e si hai moito descoñecemento da súa obra  literaria eso si gracias aos nosos tres músicos/as tivemos unha boa aproximación á súa importancia musical.  Saíron moitísimos temas: os límites da música e a poesía,   valoración do nomeamento, quen pode merecelo máis, a súa actitude... Quedou todo moi no aire, así que para a próxima cea cada un ten  que levar un poema de Bob Dylan. A ver que sae.

E falando da próxima cea, temos xa data: o 7 de decembro, mércores. Conseguiremos mantela?  E libro: O sol do verán de Carlos Casares. Tamén hai que levar un libro para regalar. A miña indecisión e máis eu xa estamos a sufrir por este último acordo.